Campañas
- Detalles
A Operación Quilo é unha campaña de recollida de alimentos e produtos de hixiene que se fai en toda Galicia, e que está coordinada polos diferentes centros xuvenís salesianos.
Este proxecto organízase a través da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco en Galicia, e está presente nas principais cidades galegas a dende os centros: Abeiro (A Coruña), Abertal (Vigo), Amencer (Ourense), Ateibo (Lugo) e Don Bosco (Santiago de Compostela).
Reflexionemos sobre o obvio, este ano a Operación Quilo é máis relevante ca nunca, xa que as circunstancias fan que estas campañas sexan imprescindibles. Nunha sociedade asfixiada pola pandemia, e cun desemprego de máis de 144.800 de persoas en Galicia no tercer trimestre do ano, e sendo un 1,61% máis que no ano anterior, as cifras deixan claro que a destrucción do emprego está lonxe de rematar. A consecuencia xa está chegando aos bancos de alimentos, que están aumentando as solicitudes por riba das de 2008, en algúns xa reparten nun día o que antes do covid chegaba para un mes.
Os datos deixan de manifesto que este ano todas as aportacións van a ser poucas, xa sexan de tempo, alimentos ou diñeiro, pero sabemos que gracias ao esforzo de todas esas persoas que apoian esta campaña ano a ano, e todas esas que se sumarán neste ano tan complexo, faremos que no Nadal se manteña a ilusión e a esperanza dos anos anteriores.
Unha campaña concreta: a Operación Quilo
A Operación Quilo pretende sensibilizar a cidadanía, en especial a xente moza, e conseguir recursos de primeira necesidade para as familias empobrecidas das nosas cidades. Xorde en Nadal porque é a época da “paga extra”, pois é un tempo no que se mercan a maioría dos xoguetes e roupa do ano e gástase moitísimo máis en alimentación.
Queremos que nesta época do ano en que a solidariedade e a atención aos outros está máis desenvolvida na sociedade poidamos aportar o noso gran de area solidario.
É unha campaña que se reinventa ano tras ano para adaptarse á realidade e atendendo as necesidades do momento, pero que o que realmente pretende é conseguir que chegue un momento no que non sexa necesaria, sinal de que non haxa persoas que vivan en situacións desfavorecidas. De aí que nos guste traballar o corazón, a cabeza e as mans. Corazón para descubrir as causas inxustas do mal reparto da riqueza entre nós (familia, pais, mundo), descubrir e animarnos a construír un mundo máis fraterno no que desaparezan as desigualdades de todo tipo. Cabeza, pois ten unha lóxica a Operación Quilo, non so interna co corazón, senón externa como chegar a máis xente, buscar a maneira de conseguir que os recursos se poidan repartir máis e mellor... E mans, pois no traballo, na suor e no esforzo unímonos máis coas persoas que nada teñen. Non son palabras bonitas, son horas da nosa vida; compartimos vida cos demais.
Obxectivos
- Sensibilizar a cidadanía das situacións de pobreza nas nosas cidades.
- Concienciar das desigualdades do noso mundo.
- Promover un modo de vida máis comprometido coas persoas empobrecidas.
- Facilitar ferramentas solidarias para que cada persoa achegue o que crea necesario e poida.
- Encher de boas novas o noso pequeno mundo, a nosa cidade.
- Colaborar con entidades de acción social que están todo o ano coas persoas empobrecidas.
- Ser a ”paga extra solidaria” para moitas familias da nosa cidade.
- Implicar a entidades, organismos, administracións cidadás…, para que acheguen recursos para as persoas máis empobrecidas.
- Invitar a mocidade e a rapazada a implicarse nunha solidariedade activa, dando a cara polas persoas empobrecidas.
Cando?
Nos últimos meses do ano civil poñemos o acento nesta campaña. Aínda que as Comisións de Solidariedade dos nosos centros xuvenís están funcionando todo o ano e reflexionan, fórmanse e deseñan novas propostas a partires da experiencia da última campaña desde outubro até decembro, o momento forte da campaña.
Onde?
Nas cidades galegas de A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, a través dos nosos centros xuvenís:
- Abeiro da Coruña
- Abertal de Vigo
- Amencer de Ourense
- Ateibo de Lugo
- Don Bosco de Santiago de Compostela
Para quen?
Todo o recadado na Operación Quilo vai destinado aos nosos veciños e veciñas que viven en situación de precariedade. Distribúese a través de entidades de acción social que traballan con elas durante todo o ano e que son para nós todo un referente. Sabemos que así todo o recadado chega, e chega ben e a tempo ás familias máis necesitadas dos barrios das nosas cidades.
Facendo historia...
Operación Quilo da Federación de centros Xuvenís don Bosco de Galicia no Nadal 2019
Atendéronse a 1.567 familiascon máis de 4.354 persoas.
Recolléronse os seguintes "quilos":
- 36.138 quilos de alimentos
- 6.540 quilos de xoguetes.
- 20.100 quilos de roupa.
- Todo o diñeiro recollido (6.494,15 €) inverteuse en alimentación.
Cómo participar
Se queres unirte á Operación Quilo, non tes máis que decidir de que forma poderías facelo:
- Sendo entidade Quiloboradora. Envía un email a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
- Axudando na recollida. Podes unirte como voluntario na túa cidade mandando un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
- Doando algún alimento ou producto de hixiene. Aquí tes un mapa con todos os Puntos de recollida dispoñibles onde podes facelo.
- Participando no Evento Solidario a favor da Operación Quilo:
- Inscribíndote nas Partidas Solidarias eSports
- Inscribíndote nos Torneos Solidarios eSports.
- Facendo unha doazón na campaña de crowfunding
Se tes calquera dúbida podes poñerte en contacto con nós a través do correo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono: 988 218 213 e estaremos encantados/as de falar contigo.
Esperamos que un ano máis todos/as nos botedes unha man para axudar a todas esas persoas que máis o necesitan, porque entre todos/as podemos cambiar a realidade dos nosos barrios!
Únete e colabora!
- Detalles
ESTE VERÁN, COMO NUNCA!
ESTE VERÁN, MÁIS CA NUNCA!
ESTE VERÁN, TODO HA SEGUIR BEN!
MAÑÁS DE VERÁN e CAMPAMENTOS URBANOS DA FEDERACION DE CENTROS XUVENÍS DON BOSCO DE GALICIA NA CORUÑA, LUGO, SANTIAGO, OURENSE E VIGO
Estamos a vivir unha situación nova, na que non queremos deixar de apoiar a nenos e nenas, adolescentes e mocidade nesta crise. Despois de meses de encerro nos que faltaron estímulos, relacións, estrutura... crémonos na obriga de, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, ofertar actividades de tempo libre educativo para:
- retomar as relacións e os procesos persoais e colectivos da infancia e da xuventude;
- non estigmatizar a poboación máis vulnerable;
- avaliar os impactos desta crise na infancia e tentar paliar os danos sufridos, de calquera tipo;
- educar para a saúde a través do xogo, formándonos na adquisición de hábitos de hixiene;
- cumprir co dereito fundamental ao lecer contemplado na Convención dos dereitos do neno e da nena.
Por todo isto, imos acentuar as medidas de protección da saúde e hixiene dos participantes nas actividades de verán, respectando e cumprindo, no dia a día, as condicións e obrigacións hixiénico-sanitarias vixentes: primaremos a asunción de novas rutinas de seguridade (suficientes, realistas, axustadas) e crearemos protocolos axeitados ás circunstancias, con pautas claras e sinxelas para todos e todas.
Somos un grande equipo de profesionais e voluntariado que opta polo tempo libre educativo. Coma sempre e NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, ímonos reinventar, como vimos facendo desde hai décadas, con fórmulas creativas, adaptadas, pragmáticas, con sentidiño común e sanitario. Será unha planificación estruturada, realizable, con actividades e procedementos que contemplen diversos escenarios; unha planificación que tentará compensar os efectos do confinamento coa presenza das persoas adultas de referencia, ao aire libre, promocionando a responsabilidade persoal, a intelixencia emocional, a relación entre iguais en pequenos grupos, a actividade física e a educación na saúde.
Seguimos defendendo, como todos os anos e NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, as actividades de tempo libre educativas, por seren experiencias inesquecibles, porque con elas os participantes o pasan en grande, fan novas amizades, divírtense, melloran as súas habilidades sociais na relación cos outros, medrando no respecto, na tolerancia e na liberdade, aumentan a autoestima e a confianza propias, desenvolven a súa independencia e autonomía, aprenden e practican valores, asumen un estilo de vida saudable a través das rutinas diarias e danlle valor á familia e ao seu fogar.
Tamén pretendemos axudar, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, a moitísimas familias na conciliación da vida persoal, familiar e laboral, proporcionándolles a tranquilidade de saber que os seus fillos e fillas se encontran en boas mans, participando nos proxectos de tempo libre educativo de verán ao carón dos animadores e animadoras da Federación de Centros Xuvenís don Bosco de Galicia.
Vémonos nas rúas e parques da túa cidade, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA!
#nesteveránmáiscanunca
- Detalles
Os animadores e animadoras dos centros xuvenís da Federación Don Bosco queremos seguir aportando o noso traballo voluntario adaptándonos á situación actual, en contra do aburrimento e tratando de levar o mellor posible este confinamento.
Por elo imos a publicar nesta web e nas webs dos 5 centros xuvenís propostas de actividades diarias para facer na casa. Dividímolas en 3 áreas:
- Móvete! (xincanas, actividades deportivas, videoxogos, baile,...)
- Crea! (obradoiros, xogos de mesa, receitas,...)
- Respira! (lecturas, reflexións, para manter esperta a cabeza e o corazón)
Tamén teremos algunha proposta online para mozos que iremos desvelando pouco a pouco.
Seguimos á vosa disposición no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Anímate a participar!